miércoles, 2 de mayo de 2007

Sobre a Asemblea deste luns 30 de abril

Como é sabido por todos nós, este pasado luns tivo lugar na Casa da Cultura a Asemblea Xeral Extraordinaria para inicia-lo proceso electoral, que derivará na elección dunha nova Xunta Directiva para a SD Negreira.

O acto foi dirixido polo Presidente da nosa entidade, D. Manuel Liñares Giraut, quen comunicou que non se presentará á reeleción, asistido polo Vicepresidente, José Manuel Ferreiro “Caporro”, polo Secretario Tesoureiro D. Manuel Freire “Carballo”, e mailo Secretario, D. Antonio Pereiras “Bouzas”.
Cunha concorrencia de socios dunhas 50 persoas, o acto comezou, como se tiña anunciado, coa dimisión da actual Xunta Directiva e o nomeamento dunha Xunta Xestora, coincidente coa Xunta Directiva que dirixiu o noso club durante o resto da presente tempada por votación da práctica totalidade dos socios asistentes. En terceiro lugar, o Presidente anunciou oficialmente a convocatoria de eleccións, sinalando logo que se fai tan cedo para non solaparse os tempos futbolísticos cos das eleccións municipais.

A Xunta Xestora, con poderes vixentes ata o 30 de xuño –fin da Tempada actual 2006-2007, terá como principais papeis:

-No ámbito administrativo: recolle-las distintas candidaturas ata o día 30 de maio, que se poden presentar no Local do Club de 9 a 11 da noite, que consistirán na presentación documental requirida dunha soa persoa, que exercerá como Presidente no caso de ser elixido. Ese día faranse públicas as candidaturas que haxa e comezará o período de campaña electoral. En segundo lugar, convoca-la Asemblea Xeral para a presentación do balance do feito na actual Tempada xunto coa convocatoria de eleccións no mesmo día, que será o 8 de xuño.
-No ámbito deportivo: traballar arreo para que a SD dispute a súa segunda Fase de Ascenso: as posibilidades neste senso son amplas, xa que o equipo está terceiro na táboa.
Cal é o motivo de todo este procedemento? Como recalcaron os membros da Mesa, é para que se cumpra coa regulamentación dos Estatutos do Club, que obriga a que se convoquen eleccións cada catro anos.

Entre os rogos e preguntas feitos polos asistentes, formuláronse as seguintes cuestións:

*Que ocorre se non hai ningún presidenciable?
-É unha bágoa que iso ocorrese -dixo o Presidente-, porque este club non se merecería unha Xunta Xestora coa tramitación da FGF, xa que os éxitos deportivos e a boa saúde económica da entidade fan que a presidencia se volva atractiva e factible.

*E se só se presenta unha candidatura?
-Será a próxima Presidencia de seguro. Será nomeada o 8 de xuño, e comeza o seu mandato o 1 de xullo, asumindo plenos poderes.

*Por que non quere segui-lo actual Presidente?
-Por cansancio: despois de case 8 anos como directivo, 4 deles como presidente, é o momento de da-lo relevo a outro mandatario. Dende logo que estou moi contento e orgulloso do actual equipo, que me acompañou case que ó completo durante a miña presidencia.

*Como vamos a quedar este domingo?
-[Risas,...]

*Que posibilidades hai de que algún directivo actual se presente como Presidente?
-Falámolo e pode que algúns directivos actuais formen parte doutra directiva, pero parece que ningún se presentará como presidente.

Nos comentarios finais, o Presidente engadiu que
sexa como for, a Directiva entrante terá que botar man de xogadores extracomarcais para garanti-lo éxito destes últimos catro anos. Engadiu que "collémo-lo equipo co obxectivo de manterse cómodo na Terceira División, e acabamos por pasea-lo por España adiante, con sentido e moita honra".
O Secretario engadiu que "este ano cobráronse máis de 600 socios, o que xerou unha masa social importante".
Cerrou o Presidente dicindo, como engadidura á súa non-reelección, que "era de agardar que hoxe non se alzaría ningunha voz para presentar candidatura. Non é difícil ser Presidente: hai que ter ganas de traballar, saber moverse, ter materia prima (xogadores) que fagan piña,.."

Tras unha media hora de duracion do Acto, pechouse con calorosos aplausos.

1 comentario:

Anónimo dijo...

Tanto rollo pa nada... o final non hai presi. Uhhh!