lunes, 7 de mayo de 2007

¡Bordado!

O partido de onte á tarde entre o Negreira e o Cerceda marcou un punto de inflexión na traxectoria deste ano: supuxo firmar case de seguro a disputa dos play-off de ascenso.
Coa que seguramente foi a entrada máis importante da xeira por Terceira División esta tempada, cuns 900 espectadores, a afección puido disfrutar dun partido trepidante, bonito onde os haxa, onde as reservas e medos de quedarse atrás deixáronse para lances posteriores en arelas de busca-los tres puntos e, como non, esa chave para os postos de ascenso.
Nos primeiros toques de balón, antes do primeiro minuto, o Cerceda, que saíu dos vestiarios a comerse o mundo, xa se adiantaba por medio de Xoel. Non lles dou tempo sequera a plantexarse o partido como seu, porque no minuto 6 Andrés Bragaña empataba. E no minuto 9, a volea de Álex Fernández que bateu no travesaño e no poste case despuntaba o 2-1. Xoel, no 16, respostaba con gallardía lanzando ó poste, asustando á parroquia vermella.
Houbo que esperar ó segundo tempo para que Rodri asinase os tres puntos, cando os mellores recordos de tempos pasados volveron ás nosas cabezas. Ó final do partido, de infarto dende dito gol porque o Cerceda percibía que se lle ía a tempada de ouro nuns lances, e non parou de busca-lo empate. Pero o "electrónico" xa non se movería máis.
Despois, no Galicia en Goles da Radio Galega, tivemos o privilexio de escoitar como convidado esta vez a Xulio Díaz, quen antes de participar para o Real Madrid Sevilla, dixo sobre o Negreira que el prefería ter a vaquiña atada (o ascenso) para a próxima semana perante o Deportivo B, en "El Mundo del Fútbol". Empresa ben difícil, sexa dito.
O Cerceda, noutras xornadas de aparencia inapelable, chegou a esta recta final de Liga sen os deberes totalmente feitos, e, xunto con esta xornada, a próxima pode ser para eles letal: xogan na Fontenla contra o mesmísimo Santa Comba, sétimo na táboa pero a un só punto da cuarta posición. Estaremos moi atentos ó que suceda.

No hay comentarios: