lunes, 23 de abril de 2007

Segue a clasificación de infarto

O Bergantiños xa é o terceiro equipo esta tempada que chega ó García Calvo con indumentaria vermella, co cal lle cedemos a nosa suplente do ano pasado. É curioso este feito, porque xa hai dous anos que non utilizámo-la camiseta verde, e os equipos teñen múltiples formas de ter constancia deste feito. Pode que esto dea lugar a un post neste blog no futuro...
O partido de onte deu pé a que nalgún medio de comunicación se comparase o xogo da SD ó do Real Madrid... Aínda que é verdade para gustos cores e se ben discrepamos en parte desa opinión, mentres nos comparen con equipos tan magnánimes estando nós na Terceira División, estamos ben contentos.
Anécdotas aparte, o partido de onte foi un paso máis para ir afianzándose entre os frenéticos postos da Fase de Ascenso, que este ano son de infarto: igualdade, competitividade e emoción ata o final.
É certo que os vermellos non estivemos á altura doutras xornadas pasadas, pero tampouco o Bergantiños soubo sacarlle punta ó lapis na tarde calorosa de onte. Na primeira parte os locais levámo-la iniciativa con ocasións que non acababan de callar (disparos fóra, remates de "casi..."), salvo o gol de Álex cando o fin da primeira metade se aproximaba, cun remate de cabeza dende a esquina esquerda da área pequena, pasándolle por cobertura ó meta Christopher e entrando polo lado dereito, pegado á metade do poste.

En cambio, no segundo período os de Carballo levaron máis iniciativa ca nós, pero tampouco se pode falar dun claro dominio. É verdade que houbo sorte no erro de Josito, no que non a meteu de milagre... pero eso é a salsa do fútbol: a sorte, ás veces, tamén nos sorrí a nós.

No hay comentarios: